Actividade: práctica de creación con narrativas dixitais
Esta tarefa consiste en practicar coa creación dixital.
Non é o mesmo ver e compartir estes produtos que crealos desde cero; e tampouco é igual de fácil crear contido "baleiro" que esforzarse en elaborar narrativas con contidos relevantes. Ademais, antes de levalas a un grupo de aprendizaxe, é imprescindible coñecelas ben, saber como funcionan, canto tempo tardamos en crealos...
Velaí que imos practicar con algunhas delas. Cando remates, todos os resultados deben ser compartidos nun muro de padlet (podedes acceder desde esta ligazón, aínda que as cousas que subas deben ser aprobadas por nós antes de publicarse: non vos asustedes se non as vedes de inmediato). Tamén debes comentar e interactuar (dar estrelas) co que publiquen as vosas compañeiras e compañeiros. Para que a vosa participación quede rexistrada, é importante que teñades iniciada a sesión co voso usuario en Padlet (pódese usar o de Google, Apple ou Microsoft)
(Se non coñeces esta ferramenta, tes un vídeo explicativo sobre como usar Padlet ao final desta mesma unidade)
Esta actividade é obrigatoria. Aquí tes as instrucións:
1. Retoma as frases de sínteses que escribiches durante a actividade de conclusións na unidade de aprendizaxe 1. Entón, escribiches 5 frases simples, lembras?
Elixe cando menos dúas delas e crea dous meme; estes memes deben ilustrar estas dúas ideas, ou complementalas dalgunha forma. Para realizar correctamente esta actividade, debes crear cando menos 2 memes (se te ves forte, podes crear tantos memes como queiras)
Para facer os memes podes descargar a app Meme Generator desde a Play Store se o teu teléfono é Android, ou desde o App Store se é un Iphone.
É moi doado de usar pero se tes dúbidas, aquí tes un vídeo-titorial:
2. Accede á web de Stop Rumores e bota un ollo ás infografías que aparecen no apartado
“Material Gráfico”.
Escolle un dato ou un rumor que che pareza relevante contrarrestar e fai unha dobraxe utilizando a app MadLipz. A dobraxe debe combinar a denuncia co humor ou a ironía.