Programa do curso: resumo de contidos

View

UNIDADE 1 | O discurso mediático: obxectividade e subxectividade, linguaxe, bulos e discurso de odio (16 abril)

Na unidade 1, traballaremos sobre a análise da linguaxe mediática: a nosa percepción do mundo máis aló do noso contexto inmediato vén definida polo que coñecemos a través dos medios de comunicación. Cremos que é imprescindible desenvolver habilidades de lectura crítica e de contextualización dos contidos, co obxectivo de podermos aprender ao noso alumnado a exercer unha cidadanía responsable, autónoma e xusta no futuro.

Por esta razón, pensamos que o primeiro é desenvolver as habilidades de lectura crítica dos medios: coñecer o código, tanto o textual como o doutras linguaxes (por exemplo, a fotografía), entender o rol destas mensaxes nun contexto determinado e ser conscientes da repercusión que isto ten na nosa relación co resto do mundo. A comunicación, tamén a comunicación dos medios, é un feito cultural e social; comezamos esta unidade aprendendo a identificar os seus principais recursos narrativos no eido da información, para despois promover a reflexión e a construción dun discurso propio.


UNIDADE 2 | Narrativas dixitais: gramática e formatos máis populares (23 abril)

As técnicas narrativas evolucionaron ao longo do tempo, adaptando os xeitos de contar a realidade aos requerimentos do momento histórico no que se encadran. A popularización de Internet introduciu formatos dixitais que facilitan a comunicación pública e interpersonal, creando un novo modelo comunicativo cun código propio. Aínda que os formatos mudan constantemente, o código mantén unhas regras básicas que articulan as interaccións sociais na rede, e que van máis aló do entretemento: información, diálogo, mensaxería, traballo, activismo...

Nesta unidade imos afondar nestas linguaxes e na súa gramática, ao tempo que coñeceremos exemplos e os formatos máis populares, ao tempo que reflexionamos sobre o seu valor como recursos didácticos baseándonos na nosa experiencia no proxecto EpDLab


UNIDADE 3 | Educación para a cidadanía global e competencia mediática (30 abril)

A educación non pode deixar fóra das aulas a maior fonte de coñecementos que coñeceu a Humanidade ata o momento, principalmente tras a popularización de Internet.

Nesta terceira unidade traballaremos ao redor da práctica docente que mestura a análise do discurso mediático, as narrativas dixitais e a cidadanía: o noso alumnado medra nun contexto no que a saturación de información e os discursos discriminatorios viven unha época de plenitude, logo faise imprescindible traballar nas aulas estas habilidades de lectura crítica, ao tempo que desenvolvemos a súa creatividade para construír discursos alternativos.

A competencia mediática e a educomunicación son as nosas propostas metodolóxicas en EpDLab: esta unidade está dedicada a analizar estes modelos pedagóxicos a partir de boas prácticas.


PRÁCTICA | Deseño dunha actividade educativa e avaliación por pares

Durante este curso, queremos que leves á práctica todo o aprendido: elaboraremos actividades e/ou proxectos educativos que usen a creación de produtos dixitais e o contradiscurso como estratexias de educación para a cidadanía, para a xustiza social e para a participación responsable na rede.